sábado, 28 de marzo de 2020

NOTAS SOBRE O TDAH (1ª parte)


Nesta entrada queremos darvos, alumnos/as, pais/nais, mestres/as e profesores/as; unha primeira aproximación sobre algo do que todo mundo fala pero que as veces non se entende ben.

DEFINICIÓN

O TDAH, trastorno por déficit de atención con ou sen hiperactividade, é un trastorno de orixe neurobiolóxico crónico que se manifesta na infancia e evoluciona coa idade, estando mediatizado polo medio. Caracterízase pola presenza de tres síntomas típicos:
• Déficit de atención.
• Impulsividade
• Hiperactividade motora e/ou vocal.

Cada neno manifesta todos ou algún destes síntomas cunha intensidade propia, polo que non hai dous alumnos/as con TDAH iguais. Os síntomas e os comportamentos derivados interfiren, trastornan, a vida familiar, a escola e o seu contorno.

TIPOS

Diferenciamos tres tipos de trastorno dentro do TDAH:

1. TDAH predominante inatento: denominado TDA (non escoita cando se lle fala, cústalle iniciar os traballos, olvida as cousas, distráese con calquer estímulo, pasivo, non anota os deberes, desorganizado e o seu ritmo de aprendizaxe é lento).
2. TDAH predominante hiperactivo-impulsivo: denominado TH (móvese dun lugar o outro en momentos inapropiados, move mans e pes en exceso, balancease e érguese a miúdo do asento.  Interrompe conversacións e actividades, fala en exceso, responde de xeito precipitado. Comportamento molesto, con agresividade cando se frustra.
3. TDAH combinado: Cando presenta síntomas atencionais e hiperactivos-impulsivos.

CAUSAS

Aínda que se descoñecen as causas específicas, os estudos xenéticos es as técnicas de diagnóstico por imaxes consideran a orixe do TDAH nunha disfunción do córtex prefontal, encargada da función executiva e a autorregulación das emocións. Neste síndrome interrelacionan factores xenéticos e neurobiolóxicos con factores ambientais.

Os estudos demostran que o TDAH ten unha base xenética con moitos xenes implicados, cunha herdanza dun 60%.  As alteracións cognitivas e conductuais son causadas polo desequilibrio de neurotransmisores (dopamina, noradrenalina y adrenalina) nesta área cerebral. Tamén se observan unha diminución do volume cerebral e da maduración cerebral.

O TDAH afecta a un 3-7% dos nenos/adolescentes. No Morrazo a porcentaxe alcanza un 5%.

CONSECUENCIAS

Os nenos/as con TDAH teñen dificultades co seu sistema executivo cerebral, concretamente coa súa “intelixencia executiva”, entendida como a intelixencia que organiza as outras intelixencias e ten como obxecto dirixir a acción mental ou física aproveitando os recursos cognitivos e emocionais propios e do medio.

A disfunción do control executivo afecta a memoria de traballo, ao inicio de tarefas monótonas, a flexibilidade para cambiar de estratexia, a priorizar a información relevante, a planificación, a monitorización das execucións e o control emocional.

DIAGNÓSTICO

O diagnóstico do TDAH é exclusivamente médico e debe estar sustentado na presenza dos síntomas característicos e a súa repercusión. Polo tanto consiste na recopilación de información sobre o comportamento do neno/a  a seus pais, mestres ou profesores sobre o seu comportamento e rendemento e comparalo co doutros nenos da súa mesma idade, e do mesmo neno/a.

O procedemento axeitado consiste nunha valoración psicolóxica (establecer capacidades e limitacións), unha valoración médica (descartar ou confirmar enfermidades que puideran explicar os síntomas) e unha valoración psicopedagóxica (analizar a presencia ou non de fracaso escolar).

Ningún comentario:

Publicar un comentario