xoves, 11 de xuño de 2020

Actividades para traballar a dislexia (2ª parte)

Hoxe traemos algunha actividade máis para poder mellorar as dificultades dun neno ou nena con dislexia.


XOGAR CON PLASTILINA: Comezaremos facendo churriños, despois moldearemos arcos e por último colocarémolos segundo a posición das letras nun folio. O obxectivo é diferenciar a posición enriba/debaixo, principal causa pola que se confunden as letras b/p ou u/n.

XOGAR CON PLASTILINA E PAUS PEQUENIÑOS: Seguimos imitando modelos de letras. Esta vez empregamos os paus de cores como elemento motivador. O proceso é similar, pero o obxectivo é distinto: diferenciar posición dereita-esquerda. Dependendo da posición na que coloquemos o arco, constituirá unha letra ou otra. Tamén podemos aplicalo ás letras anteriores.

XOGAR COAS PALABRAS: Non precisamos nada máis que un ambiente tranquilo. Imos a pronunciar unha serie de palabras significativas para o neno ou nena, por exemplo, se estamos no parque: “árbore, tobogán e area” e deberanse repetir na mesma orde.

Con esta actividade estamos aumentando a súa percepción temporal e auditiva, afectada tamén pola dislexia.

 

Para mellorar as dificultades psicomotrices que presentan habitualmente podemos:

MELLORAR O COÑECEMENTO DO ESQUEMA CORPORAL: Debuxando todas as partes do corpo de, por exemplo, o seu boneco favorito, variando a posición dalgunha das súas partes: levantando unha man, unha perna, xirando a cabeza, etc. Sería divertido que a rapaza ou rapaz repetise tamén esa posición.

REFORZAR A SÚA LATERALIDADE: (Esta actividade está moi relacionada coa anterior). Neste caso necesitará a participación de pais, irmáns, etc. que den ordes tipo: man dereita arriba, salta sobre o teu pé esquerdo... e se o facemos bailando e con música será aínda máis divertido.



Coas seguintes actividades imos traballar a conciencia fonolóxica, é decir, habilidade para manipular os sons da linguaxe mentalmente.

O SON DAS PALABRAS: Consiste en pronunciar unha palabra calqueira e preguntar se contén un son. Por exemplo; "a palabra brazo, contén a letra z?".

SÍLABAS: Seguimos xogando coas palabras: agora dividiremos unha palabra en sílabas axudándonos de palmadas: "caderno: ca-der-no".

DERIVAR PALABRAS: Decimos unha palabra primitiva, preferiblemente algo que esteamos a ver, por exemplo, pan; e que diga palabras derivadas: panadaría, paneira, panadeiro, etc.

XOGAR A RIMAR: En palabras soltas “busca unha palabra que rime con casa” tamén se pode facer un verso ou rap, dependendo da idade coa que esteamos a traballar.

 

Como actividade final propoñemos a seguinte, coa que poderemos copartir soños cos nosos pequenos e pequenas.

LECTURA COMPARTIDA: Lectura en voz alta dun conto ou outro tipo de texto antes de dormir, na cama; seremos así o seu modelo lector, o seu apoio e alternaremos a lectura: unha oración ou parágrafo o adulto e outra o menor. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario